Vítima da comida rápida

22.04.2015 10:20

 

O mundo vólvese cada vez máis dual en cuestión de alimentación. Mentres unha parte dos habitantes do planeta padecen fame, outra, cada vez maior, perde a saúde por exceso de comida. As Nacións Unidas puxeron cifra a este fenómeno: 950 millóns de persoas sofren desnutrición e cada ano morren por esa causa 5 millóns de nenos. Ao mesmo tempo hai 2100 millóns de persoas con sobrepeso; e 3 millóns morren cada ano por obesidade.

A revista científica “The Lancet “ advirte que o número de obesos estase a estender sen que ningún país sexa capaz de reducir esta custosa tedencia tanto en termos de saúde como económicos. Sen medidas adicionais non se conseguirá cumprir o obxectivo da OMS de que a taxa de obesidade estea en 2030 ao nivel de 2010.

A principal causa é a comida rápida, chea de calorías e pobre en nutrientes. Repostería industrial, bebidas azucradas e aperitivos con alto contido en azucre, sal e grasas son os principias culpables.

Trátase de produtos que chegan ao mercado acompañados de grandes campañas de promoción. Son en xeral, máis baratos e accesibles que a comida saudable; de aí que a obesidade se estea a converter nun novo signo de pobreza. E non só se estende nos países ricos, senón tamén nos países pobres. Os produtos azucrados benefícianse da tendencia innata, por razón de herencia evolutiva, a preferir os alimentos doces. A repostería industrial engade a peor das fórmulas: azucre e graxas, en grandes cantidades.

Estos alimentos son cada vez máis demandados e están a cambiar hábitos e preferencias. O resultado é a alteración metabólica que fai que aumente o sobrepeso incluso coa inxesta de menos calorías.

A OMS sinala varias formas de combater a epidemia, pero todas elas demandan grandes doses de vontade política. Combinan a prevención coa regulación fiscal -que penalice o consumo destes produtos-. O camiño está claro. O problema e recórrelo.