O 50% dos socios das cooperativas son mulleres. Só o 2% delas ocupan a presidencia.
A participación das mulleres nas cooperativas, desenvolvida para derrubar os obstáculos que aínda impiden o acceso das mulleres a cargos de decisión nas cooperativas.
AGACA participou activamente na elaboración desta investigación, desenvolvida durante tres anos, xunto con outras Federacións de Cooperativas de España; baixo a coordinación de Cooperativas Agro-alimentarias de España, no marco do Proxecto Integra. Os resultados do estudo foron presentados o pasado xoves nas instalacións da adega Martín Códax, en Cambados, dentro da xornada Participación e Liderado da muller en cooperativas, organizada por Cooperativas Agro-alimentarias, coa colaboración de AGACA e Martín Códax. A investigación realizada en Galicia pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) constata que a metade das persoas socias das cooperativas agrarias galegas son mulleres, pero elas só ocupan o 12% dos postos directivos e apenas o 2% destas entidades están presididas por mulleres. Unha das causas deste fenómeno é a falta de corresponsabilidade doméstica. No rural galego é habitual que as mulleres se teñan que ocupar tanto da explotación agraria ou gandeira como do coidado da casa, dos pais ou dos fillos. Isto motiva que non lles quede tempo libre para implicarse máis na dirección da cooperativa. De feito, a investigación tamén amosa que as poucas que están nos órganos directivos están desbordadas. Outro obstáculo relevante resultou ser que elas non se senten capacitadas para desempeñar un cargo directivo ou descoñecen o tipo de funcións. Ademais de analizar os obstáculos e trabas que atopan as mulleres para acceder aos postos de toma de decisións nas cooperativas, ben sexa nas asembleas ou nos cargos directivos, tamén se fixeron grupos de debate para recoller informacións máis cualitativas sobre a visión dos homes de cara á participación feminina nas cooperativas. A raíz dos datos e experiencias recollidas, elaborouse unha Guía de Medidas de Igualdade, que se comezaron a poñer en práctica nunha serie de cooperativas, como experiencia piloto. En Galicia, Viticultores Martín Códax foi a cooperativa onde se aplicaron estas medidas. Durante a xornada, Noemí Fernández, en representación da cooperativa, explicou como, a raíz desta experiencia, implantaron un plan de igualdade entre traballadores e socios, sendo a segunda cooperativa galega cun plan de igualdade en marcha, despois de Feiraco en 2010. A través dos plans de igualdade búscase que homes e mulleres sexan conscientes da situación actual e da importancia de que se acade unha situación de igualdade de xénero, tanto en número de mulleres asociadas, como no seu acceso a postos directivos. A través das medidas propostas, téntase cambiar o paradigma para que homes e mulleres teñan igualdade plena na sociedade rural.